Saturday 04 de May de 2024

Neda celebra este domingo a súa Festa do Pan


La Gallega, La Nueva, Modesto Hermida, Paca Castro Romero, Panificadora Germán e Santa Rita participan cos seus postos de venda na cita

A programación incluirá, entre outras propostas, mercado de artesanía, xantar popular, concertos ou obradoiros infantís de elaboración de pan

A xogadora da selección española de fútbol sala Ale de Paz será a encargada de inaugurar a festa coa lectura do pregón

Neda celebrará este domingo a súa tradicional Festa do Pan. Será a 33º edición dunha cita declarada de Interese Turístico de Galicia que busca poñer en valor e promocionar o magnífico pan da localidade.

Baixo carpa para evitar que a choiva incida no seu desenvolvemento, arrancará no paseo marítimo de Xuvia ás 10:00 horas coa apertura das panaderías participantes: La Gallega, La Nueva, Modesto Hermida, Paca Castro Romero, Panificadora Germán e Santa Rita. Xunto a elas, colaboran este ano na festa J. Castro Romero e Vda. De Romero. Ao mesmo tempo, tamén se inaugurará o Mercado de Artesanía, que reunirá a máis de 20 postos de moi diversos sectores – moda e complementos, xoguetes tradicionais, cosmética natural, alimentación…- e mesmo solidarios como o da Asociación Sociocultural ASCM.

Sobre as 11:00 h, Berros do Castro amenizará a cita cun pasarrúas pola contorna, e ás 12:00 h, dará comezo o Concurso de Empanadas. Unha hora máis tarde, ás 13:00 h, a xogadora da Selección Española Absoluta de Fútbol Sala Feminino Ale de Paz será a encargada da lectura do pregón co que, oficialmente, se dará por inaugurada a cita, e ao remate da súa intervención, farase entrega dos premios do certame de empanadas. Sobre as 13:30 h, coincidindo coa sesión vermú, Los Zares ofrecerán un concerto cun repertorio centrado nos grandes éxitos do pop e rock nacional dos 60, 70 e 70, e sobre as 14 h, dará comezo o xantar popular. Os tickets estarán á venda ao prezo de 20 euros, cun menú que inclúe empanada, arroz, churrasco, bebida, doce, café e, como non, pan de Neda.

A música regresará na sobremesa, coa canción popular protagonista do repertorio de Os Tabernícolas de Ferrol, ao redor das 15:30 h. E xa sobre as 17 h, arrancarán os obradoiros de elaboración de pan dirixidos aos máis pequenos e pequenas da casa guiados pola Granxa Escola Belelle. Tamén pensando nos nenos e nenas, o Concello programará ás 17:30 h o espectáculo musical “Rockeando coa Ramona pequena”, a cargo de Pakolas.

Rematando a xornada, broche de ouro á cita co concerto de De Vacas. O grupo chega a vila coa súa nova xira, “Rebovina Divas Live”, unha homenaxe ás mellores voces femininas da música pop mundial, coa perspectiva humorística e irreverente da formación.